Día 2: As 7 Marabillas de Oia

Hoxe comezamos a segunda sesión do obradoiro #Oiaensepia falando sobre o concepto de patrimonio, o seu valor e algúns exemplos que coñecemos en Oia. E fixémolo a través dunha dinámica chamada “As 7 Marabillas de Oia“.

#Oiaensepia é un proxecto xuvenil arredor da fotografía antiga. Entón por que falamos hoxe sobre o patrimonio? Pois porque dentro deste proxecto documentaremos diferentes lugares de Oia e reflexionaremos sobre a súa evolución a través do tempo. Compararemos as fotografías antigas que recompilaremos coas imaxes que imos facer na nosa excursión.

Antes de saír a fotografar o patrimonio de Oia, o mellor era ver ata que punto o coñecemos e cales son os elementos que máis nos gustan, cos que máis nos identificamos ou nos unen como pobo.

Saíron cousas moi interesantes: o cabalo e a tradición dos curros, castros e petróglifos, bosques, pozas, o Mosteiro… Pero tamén elementos inmateriais, que falan da nosa cultura, como a música… E incluso falamos sobre a lingua galega, que tamén é patrimonio de todos e todas. Sen dúbida, unha moi boa selección!!!

Por grupos, fomos elexindo as “7 Marabillas de Oia” (se existen as 7 Marabillas do Mundo, por que non aplicar esta mesma idea ao lugar no que vivimos e aproveitar para reflexionar sobre o noso patrimonio?). Unha vez que cada grupo acordou que elementos quería incluir no seu listado, fixo un pequeno mural nunha cartolina.

Este traballo serviranos para decorar a biblio durante o resto de sesións do obradoiro e, ao mesmo tempo, para analizar que lugares poden ser interesantes para visitar durante a nosa futura excursión fotográfica.

Retomando a cámara escura

As persoas ás que lles deu tempo a rematar a actividade da sesión de hoxe continuaron coa construcción da cámara escura na que traballamos o primeiro día. Tras darlle os últimos retoques á caixa de zapatos que tiñamos xa pintada, encolada e recortada; fomos a un lugar escuro para probala cun obxecto iluminado.

No medio da escuridade acendimos unha bombilla con forma de vela. Custounos un pouco ao principio, pero despois collímoslle o truco e finalmente conseguimos ver a imaxe no visor da nosa cámara. Unha curiosidade: a imaxe aparece invertida, é dicir, ao revés!!

Segundo aprendimos o primeiro día de obradoiro, este mesmo efecto de imaxe invertida prodúcese na retina dos nosos ollos. Despois, cando a información visual captada polo ollo chega ao cerebro, a decodificamos e “lle damos a volta”. Así que, ao final, descubrimos que o deseño básico das cámaras fotográficas non é moi diferente ao do ollo humano!

Primeiras fotos antigas

Algúns dos compis de #Oiaensepia trouxeron xa hoxe as primeiras fotografías antigas coas que traballar. Outros comentaron que estaban empezando a falar cos seus achegados para localizar boas estampas para dixitalizar… Isto xa está en marcha!

A seguinte imaxe resume como está o proxecto ao final da sesión deste mércores…

Seguiremos informando!!

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s