O proxecto #OIAENSEPIA consiste nun conxunto de actividades participativas destinadas a captar o interese da mocidade de Oia polo seu patrimonio natural e cultural e pola memoria histórica local a través da fotografía antiga.
Deste xeito pretendemos espertar a súa curiosidade sobre o pasado, promovendo a reflexión sobre o valor do patrimonio e a necesidade de adquirir actitudes proactivas na súa salvagarda. Do mesmo xeito, tamén queremos fomentar a creatividade a través do uso responsable das novas tecnoloxías.
#OIAENSEPIA presenta como principal elemento innovador o papel activo da mocidade na revitalización do conxunto da sociedade de Oia, ao convidar e animar ao resto da veciñanza a participar nunha recompilación de fotografías antigas que sexan testemuñas de celebracións tradicionais, festexos, oficios e prácticas tradicionais no medio rural.
As propias persoas mozas converteranse en dinamizadoras e custodias deste interesante patrimonio fotográfico, facilitando a participación da veciñanza das distintas parroquias e reforzando así o sentimento de identidade e pertenza a unha comunidade.
-Se queres consultar as últimas novidades sobre o proxecto, preme aquí.
-Se queres ver as fotografías que imos compartindo, preme aquí.

Por que #OIAENSEPIA?
A tinta da sepia empregouse nos primeiros tempos da fotografía para estabilizar a imaxe en branco e negro, facéndoa máis duradeira e esteticamente máis atractiva. Por iso moitas fotos antigas teñen esa tonalidade avermellada ou castaña, a cal recibe o mesmo nome que o cefalópodo da que se extrae a tintura.
Hoxe en día, na fotografía e edición dixital séguense a empregar filtros de cor sepia para intentar achegar as tonalidades e texturas das imaxes do pasado, facendo que as instantáneas modernas teñan a aparencia de antigas, como ocorre nas estéticas vintage.